|
Muíño das Aceas:: o muíño de mareas das Aceas foi unha das principais fábricas de fariñas de Galicia no século XIX,
cando recibía o trigo desde Ucraína e América. Creado a finais do século XVIII, e promovido por unha sociedade de empresarios
galegos e franceses, o edificio consta de represa, muíño, vivenda, almacéns e casa de recreo adosada, todo pechado cun muro de
pedra. Esta Real Fábrica de fariñas é unha obra de grandes dimensións, que permite a entrada das mareas a través dunha comporta
xiratoria e embalsa máis de 50.000 metros cúbicos de auga, enerxía dabondo para mover as grandes pedras moedoras de que dispón.
Magnolio centenario:: único magnolio desta idade que se conserva en Galicia, calcúlanselle máis de 300 anos. Situado
á beira da desembocadura do río Xuvia, posiblemente a súa orixe proveña dalgún mariñeiro local ou dun emigrante que no seu día
trouxo esta árbore como algo exótico tralas súas viaxes. Xunto a el destaca un paseo de magnolios, estes si, algo máis novos.
Muíño de Xuvia:: en 1858 era o principal muíño do país en capacidade de producción na súa clase. Recibía o trigo en
barcos do Báltico, de América e de Santander. Pero non acabou aí a súa contribución á economía da zona, e anos máis tarde este
muíño fariñeiro chegou a mover unha fábrica de papel, unha de tecidos e unha de laminados de cobre. A posterior perda da súa
importancia económica non lle restou nin un ápice da súa beleza, reflectida nunha fermosa presa, recollida por un paseo de
magnolios. A poucos metros desta fermosa estampa atópase o desaugadoiro do río Xuvia na ponte dos Andrade, que serve como liña
estremeira dos concellos de Narón e Neda.
|